Sunday 05 de May de 2024

Arrancan os obradoiros do poboado de Nadal de María Pita, onde Papá Noel xa recibe visitas


As nenas e os nenos poderán participar nestas actividades culturais previa inscrición nas propias casetas

O poboado de Nadal instalado en María Pita pon en marcha a partir deste venres os obradoiros culturais para nenas e nenos organizados polo Concello da Coruña. No poboado estarán tamén Papá Noel e os seus elfos durante as xornadas de sábado e domingo, ademais do día 23 e 24 de decembro.

Papá Noel recibirá ás pequenas e pequenos que se acheguen ao poboado a entregar a súa carta os días 18, 19, 23 e 24 de decembro en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Estará acompañado de varios elfos que o axudarán. Estarán situados nas casas de madeira do poboado.

Por outra banda, este venres 17 de decembro comezan os obradoiros para a mocidade.
Pódese reservar xa no propio poboado, na praza. Son gratuítos ata completar capacidade. Con estas actividades os pais e as nais poderán deixar ás súas fillas e fillos cos monitores e monitoras para poder facer as súas compras de Nadal. Con esta medida o Concello busca tamén contribuír á dinamización do comercio local.

As reservas de prazas realizaranse no propio poboado, sendo os horarios dos obradoiros os seguintes: o 17 de decembro, de 17.00 a 21.00; o 18,19, 22, 23, 24, 26, 27, 28, 29, 30 e 31 de decembro e 2 de xaneiro, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00; e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, de 17.00 a 21.00 horas. Cada obradoiro ten unha duración de dúas horas.

Entre as actividades que poderán realizar as nenas e nenos que participen figuran a elaboración de postais de Nadal, decoración navideña, a creación de afeites para a árbore, un obradoiro de monicreques e un curso de cociña de Nadal, entre outras.